HO

Blogue do grupo Xente da Casilla


Amosando publicacións coa etiqueta Cartas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Cartas. Amosar todas as publicacións

José da Casanova



Na Lagoa de Vimianzo, nunha cea baile, despois de cear. Así que tomamos a sobremesa, veu o camareiro pola mesa e dixo:
-Que tal a sobremesa?
E José da Casanova díxolle:
-Sabes a que me soubo?
-A qué?
-A pouco.
O camareiro con vergoña ou sen ela, co consentimento do resto dos comensais, trouxolle outra sobremesa. Despois do café e duns chupitos empezou a actuar un Trío e díxome José ao oído: ser será un trío, pero eu só vexo unha!!
Chamámoslle José da Casanova por que viñeron dende Curtis pa aquela casa nova que acababan de facer, preto da nosa corredoira. Na corredoira eramos 4 rapaces mais menos da mesma idade e moitas veces xogabamos aos 4 de Bonanza. Cando viñeron os 3 de Curtis xa podíamos xogar aos 7 Magníficos.
Naqueles tempos poucas casas tiñan auga da traída. A Casanova tiña auga traída por José e os seu irmáns a caldeiros do pozo de Esperanza. Esperanza era mala como o demo. Preguntaredevos como sendo tan mala lle deixaba coller a auga do seu pozo? Pois porque daquela era como unha obriga compartir a auga.

 O señor Constantino era o home da mala e un día doulle a José un peso e unhas mazáns por axudarlle a recollelas da maceira (José era moi áxil) cando ía para a casa José atopouse con Esperanza e ensinoulle o que Constantino lle dera. A mala quitoulle o peso e doulle unha mazá pequeneira.

Esta anécdota contouma José cando íamos xuntos para o instituto. Contábame anécdotas e moitos contos. Aprendín moito con el. E el aos 14 anos empezou a traballar de electricista con Pepe dos Contos e aí xa se perfeccionou na arte de contacontos.
As nosas vidas transcorreron normais coma moitas; matrimonio, fillos e neta(eu aínda non teño).
José perdeu a vista e tivo que deixar de traballar. El sabía levar calquera conversa. Tiña moitos amigos. Entendía de todo: el dicía "entendo de todo e non sei de nada".
Deixounos despois dunha longa enfermidade, pero chegou moi enteiro ao seu fin. Funlle dar o pésame a súa dona e díxenlle:
-Se todos fósemos a metade de boa persoa que era el non habería problemas neste mundo.
-Si era moi bo, non quixo saber de psicólogos. Díxome un que o foi visitar "vaia lección de vida me acaba de dar"

Descansa en Paz José.


Loxicamente José non había querer que eu acabase este obituario sen un conto. Aí vai!!
 

Chegou José da Casanova ao ceo e díxolle Deus:
-Que tal por aló abaixo José?
-Sabes a que me soubo?
-A que?
-A pouco


Loxicamente Deus ben o podía mandar outra vez para a terra, pero xa sabía de memoria os contos de Pepe dos Contos e quería un repertorio novo.

 

 

 

 

Venancio da Crega

Este domingo pasado, foi pasado por auga. Non é que chovera moito, só choviu unha vez, dende as doce da mañán  ata as doce da noite!!. Fun andar co meu chuvasqueiro, zapato impermeable e paraugas, e díxenme :"Por min que chova! ( que non é o mesmo ca que chova por min). Atopeime con Venancio da Crega, coas súas muletas, pois rompiu un pé caendo da beirarúa. Venancio é da Agualada (Coristanco) vive na Casilla. Saudeino :
-Ola Venancio! Vas a mollar as muletas!
-Tamén ti mollas o paraugas!
Ofrecinme a acubillalo debaixo do meu paraugas e levalo a casa. Aceptou. Venancio ten unha conversa moi interesante, agradable e filosófica. Encántame debater con el. Dame moitas ideas para as miñas historias. É un gran orador, valería para político se non fose que non ten espírito pinochiano, e encende a primeira.
Pasamos por diante da horta de Rama de Carballo de Arriba, que xa, cando eu era pequeno, estaba abandoada, e conteille que de rapaz íamos a roubar a froita a esa horta. E díxome el :"Eso non é roubar nin farrapo de gaitas. Roubar e ir a unha horta dunha casa habitada. Cando eu era rapaz,e mais o meu amigo o Lagoeiro, fillo do Lagoeiro (traballador de peones-camineros, que arranxaban as cunetas e as estradas) queríamos roubar na horta do sr. Silverio, posuidora dos millores frutais da redonda, pero cada vez que tentabamos saltar aquela tapia, aquel muro, aquel balado... tan pronto os nosos dedos asomaban ao borde, vareada que te criou- menos mal que xa estabamos afeitos as vareadas da escola-. Non había maneira! O vello sempre estaba alí. O Lagoeiro pai, ademais do seu traballo, era o barbeiro oficial da Agualada. O sr. Silverio ía todolos venres a afeitarse. Esto non lle pasou desapercibido ao Lagoeiro fillo, que me dixo:
-Cando estea coa escuma na cara avísote, ti saltas a tapia, e eu vixio. Foi a primeira e a única ves que entramos na horta do sr. Silverio, pois debía ter contados o froitos, e dende esa deixou barba.
En definitiva Venancio da Crega é o meu muso!

A vaca parrula

Dille un amigo a outro:
- Namoreime de unha rapaza. Ata me casaría con ela, pero son tan pouca cousa!
-Deixame a min! Eu voute a asesorar. Tes que cambiar de peiteado, vestirte mais a moda, correxir a túa linguaxe... De onde é ela?
-E dun lugar da Agualada, alí no medio do verde, dos montes, das leiras...
-E teñen vacas, cabras e ovellas?
-Teñen!!
-Pois xa temos ganado.
A miña historia tamén vai de ganado, só que a vaca non sae ata o final!
Íamos andando pola beira do anllóns, Venancio da Crega  e mais eu, cando estabamos chegando a Bertoa lembreime das miñas primeiras verbenas, aos meus 13, aos meus 14 anos. Íamos as verbenas, que podíamos chegar andando. A primeira era O Corpus de Bertoa, despois o San Xoán, San Cristobo, o Santiago de Sísamo, ás patronais de Bertoa, a Milagrosa na Ponte, Santa Eufemia en Bertoa e para rematar a Pilarica no barrio do Chorís, en Carballo. Pasabámolo moi ben nas atraccións. E dime Venancio :
-A primeira festa era o San Antonio da Agualada. Había que xuntar unhas perras para ir ao tiro, as lanchas... a beber unha Fanta, para acadar un yo-yo, se atopabas o premio na tapa. Eu non tiña un can, e meus pais non me podían dar. Eu xa estaba resignado! cando pasei por diante da casa do señor Negreira, un dos ricos da Agualada (rico e rácano), a carón dun balado había borralla e vin unha punta. Con un pao, remexin e atopei un montón delas. Metinas no peto e díxenme:
-Lévoas ao chatarreiro e xunto unha perras!
E díxome o señor Negreira:
-Para  onde vas Venancio?
-Vou ao chatarreiro a ver que me da por estas puntas!
-Esas puntas son miñas Venancio!
-Atopeinas nesta borralla!
-E que esa borralla tamén é miña!
Quedou coas puntas e funme para a casa todo cabreado. Nela estaba meu pai, hora rara para estar meu pai na casa, pois debería estar a traballar nas minas de Barilongo. Pregunteille.
-E logo, que fai na casa meu pai?
-E que morriu a Parrula, e fóronme a buscar .
A miña nai estaba a chorar. Non había que a consolara. A Parrula era da familia.Dábanos leite, algún que outro cucho,e era a nosa calefacción. Aquela noite tivemos velorio. E excuso dicirvos  que aquel ano non me fixeron falta os cartos para ir ao San Antonio, pois estivemos de loito.

De peras e de mazáns

Nos anos sesenta e setenta non había traída de auga na Casilla, o meu barrio. Moitas casas tiñan pozo, pero as mais tiñamos que ir por auga a casa dos veciños. Soían ir as donas e mais os rapaces. Un caldeiro en cada man para encher a sella, onde se mantiña a auga fresquiña, o pote, que estaba na lareira, e o depósito das cociñas de ferro. Eran as maneiras de ter auga potable e mais auga quente. 
A Xosé da Casanova, mandabao a nai a por auga a da Sra. Esperanza. A sra. Esperanza era mala coma o demo, así como o seu home, o sr. Constantino era un anaco de pan, de pan de Carballo.
Cando tocou coller as mazáns das maceiras, o sr. Constantino pidiulle a Xosé axuda para quitalas das árbores, pois Xosé aganchaba moito millor e pesaba menos. Cando acabaron de acabar, Constantino doulle un lote de mazáns e un peso a Xosé (con un peso íamos ao cine infantil). Cando saía Xosé, entraba a sra. Esperanza, e el, todo inocente díxo:
-O sr. Constantino doume estas mazáns e mais este peso!!
-Mazáns leva dúas,e trae o peso para aquí!!
Mesmo nese intre Xosé da Casanova soupo o que era a sede de vinganzal e dixose.
-Heime vingar!!
Xa sabedes que eu adoito a meter un conto nas miñas historias:
Chega un rapaz chorando, cheo de golpes, rabuñadas...a súa casa e dille a nai:
-Como vienes así? Que te pasó?
-Es que Pepito y más Jaimito me zoscaron!
-Y por qué no te vengaste?
-Si no me vengo me matan!!!!
Na casa da sra. Esperanza prantaron unha pereira. Unha pereira do melloriño que había na bisbarra. Unha pereira que garantía a millores peras. 
Na primavera, agromou e tivo unha flor. Xosé viu como aquela pereira e aquela flor medraban. Viu como a flor se convertiu na pera mais bonita, mais grande e apetitosa do mundo. A sra. Esperanza decatouse de como Xosé miraba a pera, e dixo:
-Non se che ocurra coller a pera, pois malearías a pereira e non daría mais froito. Ten que caer polo seo propio peso!! Non se pode arrincar!!
A Xosé acendiuselle unha candea e pensou:
-Esta é a miña! Voume  vingar!!
Un día, que o matrimonio do pozo foi a leña ao monte, entrou Xosé na horta. Agarrouse a pera con coidado de non arrincala e acabou con ela a mordiscazos. Na pereira só quedou o cadolo. A pereira non ía a ter problema para ter mais peras no futuro. A mala sorte de Xosé foi que a sra. Esperanza chegou antes de tempo e viu a operación. Colliu un caldeiro de auga e tiroulla pola cabeza abaixo. Pobre Xosé da Casanova, todo molladiño, pero orgulloso e ledo da súa falcatruada, díxolle á vella:
-Estabache ben boa!! Valiu a pena a molladura e mais o meu peso!!

Sol e sombra

Eu non nacín con 54 anos. Eu fun neno, e como todolos nenos, tiven un heroe. Non era Superman, nin Spiderman, nin o Capitán América. O meu heroe real, e mais do meu curmán Xoán, era e é o Tío Pepe. Erámola envexa dos nosos coetáneos do barrio da Casilla. El é o noso espello. El xogaba con nós. Facíanos as casas do poboado do Oeste e as tendas dos indios, para que nós xogáramos cos nosos vaqueros e indios. El dicíanos que os indios tamén podían ser chicos da película. Ensinounos a xogar ao xadrez, a facer as pezas, talladas en madeira, cunha navalla, cantaba e tocaba a guitarra e nós facíamoslle  os coros, e sempre que ía de viaxe traíanos un agasallo. Fíxonos partícipes dás súas intencións de aventuras. Díxonos que ía a correr o Tour de Francia coa bicicleta da tía Celsa, intentamos facer un submarino para navegar polo río Anllóns e ata dixo que ía a facer unha nave espacial para irmos ao sol, ao que meu curmán Xoán lle dixo:" Pero vámosnos a queimar moito antes de chegar a el!" Ao que o tío contestou :" Non vamos a ir de día!" Houbemos de escachar coa risa os tres.
O tío Pepe é un inventor de utopías, imposibles e sobre todo é inventor de soños.
Eu vou moitas veces á praia de Louro, buscando días de praia, e sempre llo comento a el, e dime:"Non hai praia como a de Razo!!", eu tamén son desa opinión, pero o nordés é mais levadeiro con 6 ou 7 graos mais.
Despois desta invernía que tivemos, fun buscando o sol de xuño como auga de maio, a Louro. Alí atopei ao meu tío no pinar e díxome como reproche:" Onde está o sol tan famoso de Louro?" " Dalle tempo" E efectivamente, saíu o sol as 2 da tarde. E que tarde!! Volvino a atopar no mesmo sitio, a sombra, e pregunteille, todo extrañado:" Pero ti non querías sol?" " E que eu quero o sol para estar a sombra!!" Nese intre lembreime da nosa viaxe ao sol e díxenlle:"Si! Xa sei. Ti ainda queres ir ao sol pola sombra!!
Así é meu tío! Gústanlle as sombras pero ten moitas luces.

Sempre nos quedará a marcha atrás

Le dijo Gumersindo de la Rachola su novia:"A ver cuando me la das? Yo así no me aguanto!" y ella:"Sabes bien que hasta que nos casemos nada de nada!" "Pero mujer! si no pasa nada!" " No pasa nada, no pasa nada! si quedo embarazada mi padre me echa de casa e incluso me mata" No somos ricos. No podemos ir a Londres o a Portugal a abortar como hacen ellas. Porque ellos, no es que estén en contra del aborto, están en contra de que todas podamos abortar" pero el repuso:"Tranquila! Conozco un lugar donde venden condones de contrabando!"
 Gumer fue a la Sala de Juegos de Ernesto de Canaveiras . Ernesto no vende la píldora del día después, vende el condón del día antes. No sé si Gumer usó el profiláctico, pues ciertas cosas no se cuentan. Lo que sí sé, es que esto pasó un día cualquiera del próximo año(2015).
 Xa vedes!!Igualiño que fai 40 anos, castelán incluído.
 A raza humana buscando sempre escapar da morte, buscando a inmortalidade. Inventando relixións. Crendo en resurreccións e en encarnacións. Buscando arcas perdidas, pedras filosofais. Bañándose en leite de burra, ciruxías estéticas...e todo para ser mais xóvenes, para ter a eterna eternidade. E nós, os españois, coa solución na man!.
Pois si! Quen o diría ,que con apenas dous anos de tratamento, a pócema de Rajoy quitounos  40 anos. Corenta anos de dereitos, de dereitos lavorais, de dereitos en educación, de dereitos sociais, de dereitos na sanidade...
 Sempre nos quedará a marcha atrás!!

Historia da MINGUaRTE

Vin ao lonxe unha cadeira de rodas,como se botase fume e pensei:"Seguro que é Milagros Cotelo coa cadeira que lle deberon dar os da Xunta, seguro que é unha cadeira a vapor, collida por Feijoo no museo de Cadeiras de Rodas. A tal punto chega a austeridade!!
Non, non era unha cadeira a vapor, era a cadeira de sempre empurrada por Manolo Barrié coas súa sempiterna faria na boca fumeando.


Atopámosnos no Pazo da Cultura de Carballo, pois había a exposición de creadores bergantiñáns. Milagros tamén expuxo. O inicio da exposición foi unha danza interpretada e bailada por Alba Fernández Cotelo. Subíu as escaleiras danzando ao son da Negra Sombra. Que maneira de dobrarse! Sempre pensei que os ósos non dobraban, pero os dela deben ser de goma! Eu sudo sete sudares para atar os zapatos!! Despois dos discursos volvíu a bailar unha peza tecno, referente a crise.
Entrei na sá de exposición mirando que non estivera Montoro para cobrarme o 21% de IVE, pero dixéronme que era gratis e que o 21% de gratis é g mais ou menos.
Sempre que fun ao Pazo da Cultura pasei calor, pero desta vez non, dado que o tema da exposición é a crise e a min a crise dame calafríos. Nin sequera quitei a chaqueta!!
Ollei as obras, vin dous cuadros , un de un  home e outro dunha dona espidos, supoño que a lectura da obra é que como sigamos así , vamos a quedar en pelotas. Por certo fixeime na zona xenital do home e respirei aliviado.
Outro cadro que me chamou a atención foi o cadro do Miguelo. Díxome que representaba la niña de Rajoy. Toda demacarada, nos ósos, con un chupa usado na boca. Austeridade e recortes!!Vestida con farrapos mercados no Recorte Inglés.
Paro, preferentes, recortes en educación, en sanidade...desafiuzamentos. Por certo!, votei de menos unha viñeta de un carballés, que vin no seu blog. Ía un caracol pola beirarúa e dixo:"Bos días limagacha" ao que respostou o aludido :"Non son unha limagacha! son un caracol coma ti, só que me desafiuzaron"
E certo que hai crise, crise económica, crise de valores... pero de creatividade non a hai. Poden subir o IVE ao 100% que os creadores seguirán a crear. Unha porque son altruistas e outra por que son egoístas e gústalles ensinar a súa obra. Seguirán a traballar ainda perdendo cartos. E nós os mortais, sempre , grazas a internet, disfrutaremos das súas obras. O goberno non conseguirá eliminar a creatividade. Non conseguirán que teñamos o mesmo nivel cultural ca eles.
Esta exposición pódese considerar o arranque, o inicio, o empezo, o primeiro das festas de San Xoán e o Sueño de Morfeo non vai a ser o penúltimo nin o último, pois despois deles ainda haberá moita troula!
Boas festas!

Xogos Olímpicos

Cando os xogos olímpicos de Munich, nós, os do noso barrio, tamén fixemos os nosos. Todas as disciplinas e modalidades desenroláronse na nosa corredoira,( alí na Casilla), que era o noso estadio olímpico. As disciplinas eran: velocidade, que era corredoira abaixo; maratón , que era corredoira abaixo e corredoira arriba; lanzamento de jabalina, cunha vara; lanzamento de peso, cun cantarolo de dous ou tres kilos; salto de lonxitude, xa sabedes como. Tiñamos por equipos, ademais do futbol, balonmán... o hockey sobre zapatos, os sticks eran cadolos das verzas, con forma de stick e unha pelota verde de Gorila(os zapatos Gorila traían unha pelota de agasallo). Tamén había disciplinas femeninas: salto da corda , a mariola, o brilé e o salto da goma ( que habilidade para enganchar a goma a altura do pescozo dunha compañeira e coidando que non se lle vise a braguiña, pois levaban falda).
Os premios eran medallas, medallas de cascas de pino, que nos mesmos facíamos e tallábamos cunha navalla( eran verdadeiras obras de arte) os buracos facíamolos cunha punta e despois o cordel de atar os chorizos. Había medallas grandes, medianas e pequenas (ouro, prata e bronce). Pasábamolo moi ben.
Iste ano, é ano de xogos olímpicos. España fixoo bastante ben, as medallas que temos son practicamente de mulleres , e moitas delas en modalidades acuáticas(nótase que estamos coa auga ao pescozo).Témolas de todas as cores. Bueno temos unha que non é de ouro, nin de prata, nin de bronce, é de lata, de lata oxidada, acadada por Angelina García Riesgo, que é afillada da Merkel, e que tamén é prima do meu primo Riesgo. Gañouna na modalidade de Puntosbásicos ao acadar 670 puntos.
Non só coñezo a prima do meu primo, tamén coñezo a un campión olímpico daqueles xogos olímpicos de Munich, de salto de trampolín, Pepe Piscinas, un gran conquistador. Cóntase que nunha discoteca coñeciu a unha rubia guapisima, sacouna a bailar e espetoulle:"Queres casar comigo?""Toleaches! se nin sequera nos coñecemos!" "Mellor! xa nos iremos coñecendo, así e moito mais emocionante". Estrela Lanuit díxolle, que si. Foron de Luna de Miel a un hotel de cinco estrelas, que con ela, era de seis. Na piscina, Pepe fixo un salto dende o mais alto do trampolín, con triple salto mortal e entrando na auga en tirabuzón. Estrela toda sorprendida dixo:"Que marabilla!" "E que fun campión olímpico de salto de trampolín! xa che dixen que nos iríamos coñecendo pouco a pouco" Dalí a un pouco ela lanzouse na piscina e fixo dez largos en dous minutos e el extrañado:"Campioa olímpica de natación?""Non ho! prostituta a domicilio en Venecia".
Este día, cando só tiñamos un par de medallas,falando co meu curmán Xoán dos xogos olimpícos, díxenlle:"Que poucas medallas!" e el"Xa temos as copas, para que queres as medallas?"e eu "Para encher as copas!"
A verdade é que estimulei aos olímpicos. Abofé que enchemos as copas!



O desplumier de Alberto Gende

O 15 de xuño foi a exposición de artistas de Carballo e comarca. Xa fun varias veces e, no Faiado do Pazo da Cultura fai moita calor. Así que pensei de romper co protocolo, e quixen ir de bikini e cun abano, pero non quero que a xente pense que son menopáusico. Pero decidín aguantar o tipo e fun como Deus manda. Menos mal que nada mais entrar, as cores, que Alberto Gende ceibou, estaban por alí soas e salpicaban frescor. A cor amarela veume a saudar, pois fumos xuntos a escuela, tamén nos saudou, pois é neto de Ernesto de Canaveiras, a cor vermella. Xa vedes que fago pareados, e que tamén había poesía no faiado!. Miramos para as obras e todo estaba cuberto con lenzos brancos. Empezaron os discursos, e mentras o meu curmán Xoan gravaba os discursos, os discursores, os actores e a autora da obra adicada a Alberto, Rosalía Fernández,eu puña cara de entendido. Todo acabou moi ben cunha chea de aplausos e deseguido destaparon as obras e as botellas, tortillas, empanadas...do convite. As tortillas, as empanadas estaban moi boas, do viño non falo, porque senón vades a pensar que falo co viño. No medio do convite chegou unha brigada forestal a cortar a herba e a podar a extraordinaria medrada da natureza nun cadro paixasístico, tal seguía a ser a calor e aquel efecto invernadoiro. Fun a saudar a raiña da pintura, axeonlleime ante ela, alí estaba sentada no seu trono, e díxenlle:"Miragres(Milagros Cotelo), pareces unha adolescente, ainda que me levas sete días, ou é unha semana?, eu adolezo de adolescencia, parezo teu pai". Nesto que vexo ao Miguelo e saudeino, dicíndolle:"Hoxe, nunha foto túa no xornal, confundíronme contigo. E a verdade é que os dous somos calvos: eu de pelo e ti de apelido" e lembreieme, dous anos antes, noutra exposición, dun cadro del. Pintou unha ninfa recén xurdida das augas do Anllóns. Unha ninfa con ás, de pé e dandonos as costas, e ainda que non se lle vía a matrícula, parecía unha anxa. De fronte da ninfa e enriba da ponte principal do bosque do Añón, estaba o Miguelo mirando á ninfa, e díxenlle:"Ah malandrino! así vela ti só! Marchei, non fago unha crítica da exposición, pois non son crítico de arte, e nin sequera son de Artes. Vivo en Sofán.

Teleclub virtual



Aló polos Loureiros, de noite, encendía dous pitillos. Un en cada man e formaba conversas a dúas voces. Era Arturo de Carballo de Arriba,tiña moito medo e esta era unha das súas maneiras de controlalo ¡Dicíndolle aos posibles asaltantes, que el non estaba só!. Tamén cantaba cando pasaba pola corredoira da Casilla. Cantaba para demostrar que non tiña medo.¡Eramos moi musicais na Casilla!Aparte de Arturo estaba o home orquestra, Mustafá Chispumbumbá. Tocaba sete instrumentos, e el só formaba a orquestra Los Auténticos (tiñao escrito no bombo). Auténtico tamén era José Cotelo, o 7 Machos, un gran soador de guitarra, que nos deleitaba coas súas melodías tamén alí na corredoira. O 7 Machos chegou a ser compoñente-fundador dun conxunto aló polos anos 70 na emigración, en Alemania, Suiza, Bélgica, Holanda, Luxemburgo...O conxunto chamábase The Universals. Cando casou, deixou a música, non sen antes dicirlle a orquestra Mondragón de Gurruchaga, que non quería soar con eles.A guitarra tamén a tocaba Paco de Libretas e o señor Caitano tocaba a gaita. Falando de gaita sempre nos puña medo dicindonos :"Voute capar" e nos saíamos escopetados, falando de capar: había unha lenda que lle achacaban ao señor Caitano; andaban recadando fondos os veciños para mercarlle unha capa ao Sr.cura e cando chegaron a casa do Sr. Caitano, el preguntou:"Canto toca?" "Un peso" dixéronlle, e el contestou:"Eu dou vinte pesos pero ao cura capo eu".Disque Celso e Remigio do capador quixérono denunciar por intrusismo.Outro dos cantantes da corredoira era Tito de Ernesto, un gran cantador de rancheras, que non tiña falla de tirar da cisterna para dicir que estaba no baño.
Dada esta afición pola música, na Casilla houbo un intento de instaurar unha festa. Foi unha sardiñada no Quinto, aló polos anos 60. Tivo un grande éxito pero a idea non prosperou. Houbo outro intento para a unidade da Casilla, con Chucho de Penedo, José Cotelo...Foi aló polo 1974. Don José, o cura de Carballo, organizou un campionato de fútbol infantil de barrios. A Casilla era a cenicienta, o equipo pobre de todos os equipos, partíamos como desfavoritos. O primeiro partido xogámolo coas camisetas antigas do Relámpago da Casilla, estaban todas cheas de buracos, os pantalóns cada un distinto do outro. A min deixoume as botas Mariano de Pura, que usaba dous números menos ca min. Tiven que xogar coas dedas engruñadas¡Ou cortalas!Pero gañámoslle Ao Brañas 3-2. Ao seguinte partido xa estreamos indumentaria nova, a da selección Española.¡Quen diría que trinta e tantos anos despois a selección Española fose campioa de Europa e do Mundo!Fumos a revelación do campionato. Quedamos cuartos a puntos iguais co Brañas, a pesares que tiñamos mellor goal average.¡Unha inxusticia!
Anos despois fíxose un Teleclub no edificio do taller de Lino Rey e pouco mais se fixo pola unidade do barrio. Ultimamente só nos viamos de cando en vez no Tanatorio da Casilla e un día dixo Milos Cotelo Rama:"Hai que darlle unha entidade propia ao noso barrio, temos que acadar fotos, historias, anécdotas, vivencias...temos que facer un libro, unha revista ou algo así" Ela como non se move fainos mover a Xoan de Ramona e mais a min. Nos tampouco nos movemos moito,que digamos, pois usamos as redes sociais. Temos unha páxina no Facebook e un blog que se chaman Xente da Casilla http://xentedacasilla.blogspot.com/. Queremos invitarvos a todos os que esteades relacionados coa Casilla a participar, aportando fotos, historias. E a ver se algún día facemos unha xuntanza real e non virtual.
Benvidos ao Teleclub virtual da Casilla.

Avatar


Practicamente eu aprendín a andar polos corredores dos cines de Carballo. Daquela había tres cines : Camarot, Cervantes e Rega. Soíamos ir, meus pais e mais eu, de tres a catro veces a semana. O cine era a nosa televisión.Meu pai, Marcial, con Manolo de Rega, levábase moi ben. Marcial tiña unha moeda extranxeira das mesmas dimensións cás moedas de cinco pesos. E dicíame:" vou intentar meterlla, pero como hai pouca xente, vaise a decatar". Efectivamente, Manolo de Rega dicíalle:" Enganáscheste Marcial, esta non é de verdade" e meu pai contestaba:"Enganeime perdoa". E meu pai díxome:"Xa verás, como un día de apuro, métolla" Efectivamente, un domingo, nunha película de estreno( só tiña cinco anos), había colas quilométricas, meu pai doulle a moeda falsa, para pagar tres entradas. Colou, pero no medio da película veu Manolo de Rega co foco e berrando:"¿Marcial, Marcial, donde estás? volvéchesma meter" "Estou aquí, volvinme a enganar, perdoa". Eu quedei a pensar e cheguei a conclusión, que a meu pai tamén lla meteran ( a moeda).
Cando fun un pouco mais grande, os domingos, ía só cós meus amigos ó cine infantil. Costaba un peso, ou sexa cinco pesetas, o que eu levaba. Un día de aninovo, subiron a sete pesetas. Eu non podía ir, pero Manoliño de Fontefría deixoúme as duas pesetas. Era unha película de vaqueiros. Cando saímos, como sempre, escenificábamos algún tramo da película. E dixo un de nós:"Lembrádesvos cando o chico lle dixo ó malo- A mi mo parece que xa te conozo-" por certo Manolo, grazas polas duas pesetas.
Foi pasando o tempo, veu a televisión, e fun deixando de ir ao cine. Escomenzei a voltar, cando o meu fillo era pequeno, e íamos a ver todas estas películas para nenos(as de Disney).Fai uns días, cando vin os anuncios de Avatar na televisión, díxenlle a miña dona:"Quen me dera ser avó para levar ó neto-a a ver esta película" e ela díxome:"Podemos ir os dous". E fomos. Xa sabedes o que é unha película 3D, que tes que usar unhas gafas. Non vós vou a contar a película. Decataredesvos ¿por que? se vós conto o que me dixo miña dona cando acabou:"Tiveches sorte, que a xente pensou que os teus ronquidos formaban parte dos efectos especiais".
Decididamente non quero se avó. Unha porque son moi novo, só teño corenta e dez anos e outra porque non quero deitarme con unha avoa e ela, con un avó, tampouco.
Case que nazo nun cine, pero non creo que morra nun cine, pois non vou a pagar sete euros e medio por durmir nunha cadeira e menos cunhas gafas de sol.

Tres metas




Tres metas tiñamos, alo na Casilla, Tito de Ernesto, Xoan de Ramona e mais eu cando tiñamos 10-12 anos: saber andar en bicicleta, saber nadar e saber bailar.
Eu a nadar ainda non aprendín, daquela non había piscinas e ao río non me deixaban ir, a andar en bicicleta aprendín malamente, nunha de muller. Daquela o Papá Noel non existía e os Reis pola Casilla traían poucas bicicletas, e a bailar, como non había clases de baile de salón, movía os pes ao ritmo do baixo e a daba moitas voltas. Algunha chica dicíame que non tiña falta de ir aos caballitos nin nás cadenas coas voltas que lles facía dar.
O de dar tantas voltas acabouseme aquel día, bueno aquela noite, ná que quitei a bailar a unha chica, non moi alta, na festa da Pilarica en Carballo, o adro estaba na plaza onde está a escola de Pazita. O chan do adro estaba costa arriba se mirabas para arriba e costa abaixo se mirabas para abaixo, atopei a chica costa arriba. Cando nos puxemos a bailar ela dábame por debaixo dos ombreiros, pero cando lle din a volta, dábame pola barriga. Din a volta rapidamente e nese intre aprendín a mover os pes sen dar voltas.
Teño 61 anos, os meus compañeiros acadaron as tres metas, pois son mais espabilados ca min. Eu teño ainda duas desas metas: bailar e nadar, pois ando na bicicleta da muller. Estou indo a clases de natación. Xa levo un ano e ainda non sei aboiar. Tiña pensado ir a clases de baile así que saiba nadar, pero vaime levar moito tempo. Así que o outro día pregunteille ao monitor:" ¿Pódesme aprender a natación sincronizada?, porque así aprendo a nadar e a bailar ó mesmo tempo. Non me contestou, pois ainda non parou de rir.

A Beleza non para!



Vai uns días fomos ao Pazo da Cultura de Carballo a inauguración da exposición de creadores de Carballo, chamada A Beleza.
Fomos invitados por Milagros Cotelo Rama, unha artista minusválida, que só move un pouco as mans o suficiente para facer verdadeiras obras de Arte( Se vades a exposición o seu cadro e Xestos).
Despois dos discursos estiven a falar con Milagros e falando con ela achegousenos Gema, a eterna mestra de ximnasia do Instituto Alfredo Brañas dende a súa inauguración. Estivemos lembrando a alumnos, mestres e algunha que outra anécdota de aqueles primeiros anos. Non puden facer a menos de contarlle esta:" Estabamos na clase no último andar. Suso Maquinaria estaba sentado a carón da ventá, diante. Atrás estaban Borrazás e Calvete tirando pola ventá camisetas de ximnasia de outros compañeiros. Suso Maquinaria mirou para fora e dixo:" Hostia, unha camiseta do Madrid, Ha,ha, ha...!"Dalí a pouco:"Outra camiseta do Madrid voando, ha,ha,ha,...!" E dalí a nada:" Hostia unha camiseta do Barcelona, ha, ha,ha,..!" antes de que a camiseta chegara ao tocadiscos de Gema, Suso decatouse que el era o único do Barcelona da clase. Gema estaba coas nenas ensaiando muiñeiras para a festa de fin de curso, e a camiseta liouse co vinilo. A camiseta foi arrestada de por vida e tivemos que comprarlle outra camiseta a Suso. Comprámoslla do Deportivo."
Gema, fixándose na miña dona e en min, dixo :"Vos xa erades parella daquela, quere dicir que o Instituto uniuvos" e eu contesteille :" Non, non e non, eu non fun ao instituto a estudar, eu fun ao instituto a coñecer a miña dona".
Xa coa confianza collida a Gema atrevinme a dicirlle:" Gema! Milagros será unha das poucas de Carballo que non foi túa alumna?". Non pensedes que é unha broma de mal gusto, pois se coñecedes a Milagros saberedes que ainda non parou de rir, e roubar risos e sorrisos e a miña debilidade.
E así entre anécdotas fumos vendo a exposición. Non me pidades opinión, pois non che son Crítico de Arte, e nin siquera son de Artes, pois vivo en Sofán. Só se me ocorre un apunte A Beleza non para!.

Anestesia parcial, non total!

   Entran dous amigos no cine e séntanse detrás dun calvo, e dille un ao outro:"Manolo se me das 500 ptas. pégolle unha hostia ao calvo ese"."Sei que toleaches, vannos a botar fora do cine, vamos a ter problemas" "Que non pasa nada, ti dame as 500 ptas." Manolo doulle os cartos e o outro doulle semellante hostiazo ao calvo, dicíndolle :"Coño Pepe! Canto tempo se verte? Que é da túa vida?" "Oiga ! que yo no soy Pepe!" "Como non vas a ser Pepe? se fumos xuntos a escola, fumos xuntos as mozas..." "Nooo! Que yo no soy Pepe!". "Usted perdoe, debo estar enganado". Pasaron dez minutos:" Manolo! se me das outras 500 ptas. doulle outra hostia ao calvo ese" "Ti toleaches! vamos a ter lío, coñécenos todo o mundo, vamos a ser a vergoña do pobo" "Que non pasa nada, ti dame as 500 ptas.". Síntese outro hostiazo e :"Pero Pepe!Que maneira de tomarme o pelo. Dicirme que non eres Pepe, se fumos xuntos a mili, fun a túa voda..." "Qué yo no soy Pepeee!". Dixo o calvo berrando, levantouse e marchou. Pasaron outros dez minutos:"Manolo! mira a ver se ves ao calvo". Manolo mirou e dixo:"Está sete filas mais atrás"."Pois se me das 1000 ptas. doulle outra hostia ao calvo ese"."Eres incorrexible!. Toma." Saíron do cine, entraron outra vez e puxéronse detrás do calvo e Pumm! Hostiazo que te criou!:"Pepe,Pepe!.Non sabes o que me acaba de pasar? pegueille dúas hostias a un fulano que estaba alí diante, pensando que eras ti!.


  Este conto conteillo a  Tito de Erenesto, no bar YEYE e empezou a rir, a chorar coa risa e non paraba. Así que se calmou un pouco, díxome:"Eran ben parecidos!"Non lle din explicacións, os contos non se explican, e díxenlle:"Veña! Vamos para Malpica". Fumos para estrada de Malpica a facer dedo. E facendo dedo e andando, e andando e facendo dedo, cada vez que sentíamos un coche, e así chegamos a Malpica, andando e co dedo na man. Xa en Malpica fumos a un ultramarinos, e compramos unha barra de pan e 200 gramos de mortadela e unha botella de viño Coes. Fumos para a praia e alí fixemos a merenda-cea. Despois marchamos para a discoteca e tomamos un par de cervexas entre bailadas e bailes coas mozas. Despois collemos un taxi e as tres da mañán, na casa. Así era mais ou menos a nosa maneira de divertirnos.
   A xuventude de agora emborráchase por sistema. Van a ver quen se emborracha primeiro. O que gaña, nin os que perden se decatan do resultado. Non se decatan de nada.




   Teño que dicir que eu unha vez emborracheime a puro intento. Foi unha promesa para celebrar que o golpe de estado de Tejero non fose adiante. Para celebrar a victoria da democracia. Cóntovolo: Torrado e mais eu estabamos de escribientes de guardia ese día, no noso cuartel, en Lleida, que era unha das plazas que se levantaron contra o Estado. Era gobernador militar Alfonso Armada Comín, un dos implicados. Estivemos todo o día e toda a noite para alí, para acó, para aló facendo inventarios de armamentos, persoal, provisións... e prometemos emborracharnos se todo quedaba en un susto. Grazas a Deus e mais ao Rey, así foi. Así que ao vindeiro sábado fumos a un supermercado e mercamos unha botella de xinebra barata e unha de Cola de 2 litros. Tiñamos unha habitación alugada na cidade e para alí nos fumos. Comemos uns bocadillos. Tomamos uns cubatas con ánimo de ir a discoteca, pero as 5 da tarde quedamos durmidos e durmimos ata as 8, ata as 8 da tarde do día seguinte que nos veu a despertar a policía militar, pois xa nos botaban de menos no cuartel.
   Non hai borracheira xustificada, non me enterei da primeira fin de semana despois do golpe de estado. Non hai nada que xustifique unha borracheira, nin siquera a victoria da democracia. Xuventude divino tesouro! Xuventude, tesouro divino! Se fose divino!, se fose de vino en vez de tequila, xinebra, rom,whisky... Recapacitade!Se tedes que beber unhas copiñas falando cos amigos, unhas copiñas en sociedade, si, pero non beber por beber. Anestesiadevos parcial, non totalmente!

A pacicora do meu tío Pepe-José M.Canedo


Cando era pequeno, ía a cortar o pelo a barbería de Manolo o Chupado.A pesares de que naqueles tempos (e ainda hoxe) os nenos tiñamoslle medo aos mandilóns brancos, (lóxicamente polos médicos) eu ía, eu só, a cortar o pelo. Manolo o Chupado tiña boa man cos nenos. Facía que estar a carón dun mandilón branco non fose tan negro.
Todos sabedes que os barbeiros e as perruqueiras son uns grandes escoitadores e case que psicólogos e tamén grandes faladores.
Un día, estába Manolo cortándome o pelo, chegou Moncho da Moucha bastante triste, ao meu parecer. E contestoulle ao saudo de Manolo desta maneira:" Estou moi mal. Levo bastante tempo facéndolle as beiras a Mucha da Nocha, contándolle contos, historias e anécdotas, e o outro día, cando lle dixen "ata mañán" díxome que ía a ser que non. Estiven moitos días sen vela, suponse que ela non quería que a vise, e prometinme a min mesmo, que a ía a mirar cos ollos pechados e falarlle coa boca pechada. Despois de varios días de cruzarme con ela, de mirala cos ollos pechados,de falarlle coa boca pechada, preguntoume se estaba enfermo, se estaba mal. Díxenlle coa cabeza que si ,e poñendo a man no meu peito ezquerdo. Armeime de coraxe. Pechei os ollos e díxenlle:"Prometín mirarte cos ollos pechados, prometín falarche coa boca pechada, pero o mais que acado e mirarte coa boca pechada e falarche cos ollos pechados..."
Acabouse o meu corte de pelo. Marchei. Xa viría miña nai a pagar. Non sei como acabou a historia, pero quero crer, que Mucha da Nocha lle dixese a Moncho da Moucha " Mirame cos ollos abertos, fálame abrindo a boca, que eu escoitareite cos ollos, cos oídos e coa boca abertos."
Os da Casilla saberedes onde estaba a barbería de Manolo o Chupado. Si ,estaba na casa de Pacicora, que despois foi do americano e que agora é do meu tío Pepe.
É a fachada mais antiga e bonita da Casilla. Baixando a Avda. da Miragrosa, atoparédela ali de frente. Si ,é aquela que ten de adorno unha sinal informativa, onde pon FISTERRA e debaixo pon OUTRAS DIRECCIONES. Iso refrexa o carácter bilingüista do pobo galego e mais o carácter bipartidista do pobo de Carballo.

Futbolistas e pilotos-José M. Canedo


Cando eramos rapaces, xogabamos na Casilla ao fútbol no campo da Sota, sempre e cando tivesemos un balón, e se non dabámoslle patadas a unha caixa de cartón. Lémbrome un día que metín unha pedra grande dentro dunha. Non sei se a metín para facer unha falcatruada ou para que o aire non a levara. O que sei é que ao día seguinte,que xa non me lebraba da pedra, pegueille un patadón que endexamais esquecín. Ainda me doi o pé.
Moitas veces, por non ir ata o campo da Sota, xogábamos na estrada. Cando pasaba un coche apartabamonos, e cando acababa de pasar voltabamos a xogar. E cando pasaba o Sr. Maiqués aproveitabamos para facer o descanso e comer o bocadillo,¡Tal era a velocidade a que andaba! Podíavolo confirmar o Sr. Manuel "O Chorón" co seu bastón, que sempre, que pasaba por diante do taller do Sr. Maiqués, este dicíalle:" ¿Para donde vai Sr. Manuel?" " Vou para Coristanco" "¿Quere que o leve?" "Non, que teño presa".
O Sr. Maiqués tiña un taller mecánico na Casilla, e tiña un Panhard Dyna X, matrícula de Gran Canaria (GC), creo recordar un sete mil e pico. Non era da Casilla, pero era como se o fose. Era moi querido e sempre estaba a facer favores.
Tamén xogábamos as carreiras polas costas do circuito de motocros do Campo da Feira. Facíamos un manillar de madeira con unha chapa redonda, tamén de madeira, donde poñíamos o número do noso piloto favorito. Había moitos: Pedro Pi, Jesús Sáez, Vilanova, Millán.... Estes últimos eran pilotos locais. Loxicamente o ruido do motor facíamolo coa boca. Outras veces facíamos carreiras co aro de ferro.
Estas duas fotografías, dos anos sesenta, tiñas gardadas no fallado do meu cerebro. Lembroumas o goberno do noso concello, pois está a facer que os pequenos volten a xogar na rúa, mais ben ná beirarrúa. Están facendo unhas inmensas beirarrúas, donde se pode xogar ao fútbol, a pillada, ao brilé... e incluso, en algunha delas, pódese xogar a patinar sen patíns cando chove. 
E para nos os grandes, para que nos lembremos da sensación de subir e de baixar costas, está a facer costas por diversas rúas do pobo, as mais grandes están na rúa Luis Calvo ata o Gadis.

Casa falante- José M.Canedo


Fai moito que non a vexo. Así como corenta anos. Lémbrome cando pasaba ao meu carón, sempre falaba comigo: «Ola! Que tal? Por aquí, por alá». Un día pregunteille: A onde vas, Milagres?». «Ao xardín,queres vir comigo?». Contesteille: «Non, eu son unha casa e non me podo mover». Ela gozaba moito no xardín. Vía aos nenos pasalo ben nos arrandeadoiros, nos escorregadoiros (bambáns e tobogáns). Ela non podía, pois estaba nunha cadeira de rodas.
Outro día, un domingo, díxome: «Vou a misa, queres vir comigo?». Contesteille: «Non, non podo ir á misa, non podo comulgar, son unha casa» e díxome: «Hai casas que comulgan con rodas de muíño, os muíños!». É moi simpática e moi espontánea. É Milagres Cotelo Rama. Lembrouma Xosé Manuel de Marcial. Contoume que foron xuntos a un cursiño de iniciación ao galego.
José Manuel facía moito que non a vía. Son dun tempo. El lembrábaa. Ela lembrábao. Eran veciños, pero endexamais se falaron. No por ela, a culpa era del. El era introvertido e vergoñento e pensaba que ela non falaba, que non vía, que non miraba. Pero ela mira, ve , escoita, fala, ri e ríalle as súas grazas no cursiño e dicía: «É o meu veciño». Naqueles tempos ter unha persoa discapacitada era tabú, agochábana na casa e avergoñábanse.
Neste caso non, sacábana todos os días. Alternábanse os pais e os irmáns a empurrar aquela cadeira de rodas. Ten unha minusvalía case que do cen por cen, só move un pouco as mans, ten uns ollos saltóns, un sorriso, unha risa, unhas ganas de vivir... Xa digo, ten minusvalía no corpo, pero ten moita plusvalía na cabeza. Con aquelas mans lograr facer proezas con pinturas, lenzo e pinceis. É unha artista. É o personaxe máis salientable da Casilla.
Estou vendo fume aló, ao lonxe. Paréceme Manolo O Barrendeiro, tamén chamado Barrié, outro personaxe peculiar da Casill. É a súa faria a que bota fume. Vén empurrando unha cadeira de rodas. Nela vén Milagres. Dígolle: «Ola Milagres, canto tempo sen verte!» e contéstame: «Díxenlle ao meu pai que tiña ganas de volver ao meu barrio, de volver á Casilla, chámanlle así por ti, porque ti es unha casa de peóns camioneiros. E aquí estou».
Conteille: «Sentín dicir que es unha artista e dixéronme que tiñas moita man coas casas. Fasme un retrato?».

O meu Barrio-José M. Canedo


Pertenzo a un barrio dos arrabaldes de Carballo. Un barrio que tiña personaxes moi peculiares nos anos 1960-1970. Escomenzo por o zapateiro, Manolo Pelolo. Unha gran persoa, moi entrañable, tiña sempre a zapatería chea de nenos. E contáballes moitas historias e aventuras.Tiña os pantalóns caídos com os de catinflas e como a xuventude de agora. Pero ainda mais caídos os tiña cando ía a facer as súas necesidades á corredoira que levaba ao Anllóns. Metía a cabeza na matogueira para que non o coñecesen. Pensaba que as partes de atrás eran todas iguais.
 Outro personaxe moi querido era Chucho de Penedo. Tiña un Ultramarinos ¡Que bocadillos de sardiñas!. Alí xogabase ao xadrez, a ra, as cartas e mercábase case que de todo ¡Ata sen cartos!. A súa frase mais usada era "Xa me pagarás".
 Outro era Manolo Mustafá. Mustafá Chispumbumbá así lle chamaban. Estabamos moi ledos que vivise alí de día, pero de noite non, pois púñase a tocar a horas intempestivas. Era solista, saxofonista, trompetista, armoniquista, baterista, guitarrista, manager,director de orquesta, conductor do trailer, bueno da moto con remolque, era recebidor de tomates, de ovos e de terróns. Vou a contar unha anécdota de Mustafá: Chucho do Allo tiña unha taberna ambulante e organizaba algunha que outra verbena, chamóu a Mustafá. Mustafá ante a concurrencia dixo " Coidado, coidado con los torrones, porque se no se lo dijo a Chucho del Ajo". Mustafá era un inventador,foi dos primeiros en ter unha televisión en cor. Con tres plásticos transparentes de cor vermello, azul e verde ben tensos nun marco e este acoplado a televisión de branco e negro, Mustafá tiña unha televisión a cores.
 E quédame o último, Ernesto de Canaveiras. Ernesto tiña unha sala de xogos, que digo, tiña un pavillón deportivo. Alí xogábase ao pin-pong, ao billar, ó futbolín e ó baloncestolín. A que poucos vos lembrades do baloncestolín?Era como o futbolín, acristalado, con cinco bonecos de cada lado. diante de cada boneco había unha trampiña que se accionaba con un mando (todo mecánico, todo manual, nada electrónico). As trampiñas estaban nun terreo descendente e a bola ía a parar alí. Accionabas o mando e a bola voaba cara a canastra. Según a forza que lle diras ó mando a bola entraba ou non.
 Lémbrome dunha anécdota nos futbolíns de Ernesto: Suso o Tranquilo e Xoán o Pispiso xogaban contra Xoán de Ramona e Xosé Manuel de Marcial. Xoán e Xosé Manuel gañaban e con unha gran euforia Xosé Manuel dixo:"Somos os peores! e Suso o Tranquilo, nada tranquilo, dixo:" Iso hai que velo!
 Ernesto era un home adiantado ao seu tempo. Vendía condóns cando estaban prohibidos. Era a única solución para que as mozas dos pobres non tivesen fillos. As dos ricos ían a Londres a abortar. Os de dereitas non é que estean en contra do aborto, están en contra de que todo mundo poida abortar. Ernesto non vendía a pílula do día despois, vendía o condón do día antes. Xosé Manuel de Marcial comproulle un e ainda o ten. Dada a miña inmobilidade, non puden ser testigo destas historias. Contoumas Xosé Manuel de Marcial que agora vive en Sofán pero é da Casilla. Este é o meu barrio. Chámanlle así por a casa de peóns camineros que alí hai. Eu son esa casa. Eu son a Casilla.

Humor gráfico

Etiquetas

Derrubando Muros

Laboratorio Escénico Coop

Arquivo do blogue