sábado, noviembre 28

Casa falante- José M.Canedo


Fai moito que non a vexo. Así como corenta anos. Lémbrome cando pasaba ao meu carón, sempre falaba comigo: «Ola! ¿Que tal? Por aquí, por alá». Un día pregunteille: «¿A onde vas, Milagres?». «Ao xardín, ¿queres vir comigo?». Contesteille: «Non, eu son unha casa e non me podo mover». Ela gozaba moito no xardín. Vía aos nenos pasalo ben nos arrandeadoiros, nos escorregadoiros (bambáns e tobogáns). Ela non podía, pois estaba nunha cadeira de rodas.
Outro día, un domingo, díxome: «Vou a misa, ¿queres vir comigo?». Contesteille: «Non, non podo ir á misa, non podo comulgar, son unha casa» e díxome: «Hai casas que comulgan con rodas de muíño, ¡os muíños!». É moi simpática e moi espontánea. É Milagres Cotelo Rama. Lembrouma Xosé Manuel de Marcial (que tamén é de Josefa). Contoume que foron xuntos a un cursiño de iniciación ao galego.
Facía moito que non a vía. Son dun tempo. El lembrábaa. Ela lembrábao. Eran veciños, pero endexamais se falaron. No por ela, a culpa era del. El era introvertido e vergoñento e pensaba que ela non falaba, que non vía, que non miraba. Pero ela mira, ve , escoita, fala, ri e ríalle as súas grazas no cursiño e dicía: «É o meu veciño». Naqueles tempos ter unha persoa discapacitada era tabú, agochábana na casa e avergoñábanse.
Neste caso non, sacábana todos os días. Alternábanse os pais e os irmáns a empurrar aquela cadeira de rodas. Ten unha minusvalía case que do cen por cen, só move un pouco as mans, ten uns ollos saltóns, un sorriso, unha risa, unhas ganas de vivir... Xa digo, ten minusvalía no corpo, pero ten moita plusvalía na cabeza. Con aquelas mans lograr facer proezas con pinturas, lenzo e pinceis. É unha artista. É o personaxe máis salientable da Casilla.
Estou vendo fume aló, ao lonxe. Paréceme Manolo O Barreneiro, tamén chamado Barrié, outro personaxe peculiar da Casilla. É a súa faria a que bota fume. Vén empurrando unha cadeira de rodas. Nela vén Milagres. Dígolle: «¡Ola Milagres, canto tempo sen verte!» e contéstame: «Díxenlle ao meu pai que tiñas ganas de volver ao meu barrio, de volver á Casilla, chámanlle así por ti, porque es unha casa de peóns camioneiros. E aquí estou».
Conteille: «Sentín dicir que es unha artista e dixéronme que tiñas moita man coas casas. ¿Fasme un retrato?».

0 comentarios :

Publicar un comentario