HO

Blogue do grupo Xente da Casilla


Sol e sombra

Eu non nacín con 54 anos. Eu fun neno, e como todolos nenos, tiven un heroe. Non era Superman, nin Spiderman, nin o Capitán América. O meu heroe real, e mais do meu curmán Xoán, era e é o Tío Pepe. Erámola envexa dos nosos coetáneos do barrio da Casilla. El é o noso espello. El xogaba con nós. Facíanos as casas do poboado do Oeste e as tendas dos indios, para que nós xogáramos cos nosos vaqueros e indios. El dicíanos que os indios tamén podían ser chicos da película. Ensinounos a xogar ao xadrez, a facer as pezas, talladas en madeira, cunha navalla, cantaba e tocaba a guitarra e nós facíamoslle  os coros, e sempre que ía de viaxe traíanos un agasallo. Fíxonos partícipes dás súas intencións de aventuras. Díxonos que ía a correr o Tour de Francia coa bicicleta da tía Celsa, intentamos facer un submarino para navegar polo río Anllóns e ata dixo que ía a facer unha nave espacial para irmos ao sol, ao que meu curmán Xoán lle dixo:" Pero vámosnos a queimar moito antes de chegar a el!" Ao que o tío contestou :" Non vamos a ir de día!" Houbemos de escachar coa risa os tres.
O tío Pepe é un inventor de utopías, imposibles e sobre todo é inventor de soños.
Eu vou moitas veces á praia de Louro, buscando días de praia, e sempre llo comento a el, e dime:"Non hai praia como a de Razo!!", eu tamén son desa opinión, pero o nordés é mais levadeiro con 6 ou 7 graos mais.
Despois desta invernía que tivemos, fun buscando o sol de xuño como auga de maio, a Louro. Alí atopei ao meu tío no pinar e díxome como reproche:" Onde está o sol tan famoso de Louro?" " Dalle tempo" E efectivamente, saíu o sol as 2 da tarde. E que tarde!! Volvino a atopar no mesmo sitio, a sombra, e pregunteille, todo extrañado:" Pero ti non querías sol?" " E que eu quero o sol para estar a sombra!!" Nese intre lembreime da nosa viaxe ao sol e díxenlle:"Si! Xa sei. Ti ainda queres ir ao sol pola sombra!!
Así é meu tío! Gústanlle as sombras pero ten moitas luces.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Humor gráfico

Etiquetas

Derrubando Muros

Laboratorio Escénico Coop

Arquivo do blogue