HO

Blogue do grupo Xente da Casilla


Teleclub virtual



Aló polos Loureiros, de noite, encendía dous pitillos. Un en cada man e formaba conversas a dúas voces. Era Arturo de Carballo de Arriba,tiña moito medo e esta era unha das súas maneiras de controlalo ¡Dicíndolle aos posibles asaltantes, que el non estaba só!. Tamén cantaba cando pasaba pola corredoira da Casilla. Cantaba para demostrar que non tiña medo.¡Eramos moi musicais na Casilla!Aparte de Arturo estaba o home orquestra, Mustafá Chispumbumbá. Tocaba sete instrumentos, e el só formaba a orquestra Los Auténticos (tiñao escrito no bombo). Auténtico tamén era José Cotelo, o 7 Machos, un gran soador de guitarra, que nos deleitaba coas súas melodías tamén alí na corredoira. O 7 Machos chegou a ser compoñente-fundador dun conxunto aló polos anos 70 na emigración, en Alemania, Suiza, Bélgica, Holanda, Luxemburgo...O conxunto chamábase The Universals. Cando casou, deixou a música, non sen antes dicirlle a orquestra Mondragón de Gurruchaga, que non quería soar con eles.A guitarra tamén a tocaba Paco de Libretas e o señor Caitano tocaba a gaita. Falando de gaita sempre nos puña medo dicindonos :"Voute capar" e nos saíamos escopetados, falando de capar: había unha lenda que lle achacaban ao señor Caitano; andaban recadando fondos os veciños para mercarlle unha capa ao Sr.cura e cando chegaron a casa do Sr. Caitano, el preguntou:"Canto toca?" "Un peso" dixéronlle, e el contestou:"Eu dou vinte pesos pero ao cura capo eu".Disque Celso e Remigio do capador quixérono denunciar por intrusismo.Outro dos cantantes da corredoira era Tito de Ernesto, un gran cantador de rancheras, que non tiña falla de tirar da cisterna para dicir que estaba no baño.
Dada esta afición pola música, na Casilla houbo un intento de instaurar unha festa. Foi unha sardiñada no Quinto, aló polos anos 60. Tivo un grande éxito pero a idea non prosperou. Houbo outro intento para a unidade da Casilla, con Chucho de Penedo, José Cotelo...Foi aló polo 1974. Don José, o cura de Carballo, organizou un campionato de fútbol infantil de barrios. A Casilla era a cenicienta, o equipo pobre de todos os equipos, partíamos como desfavoritos. O primeiro partido xogámolo coas camisetas antigas do Relámpago da Casilla, estaban todas cheas de buracos, os pantalóns cada un distinto do outro. A min deixoume as botas Mariano de Pura, que usaba dous números menos ca min. Tiven que xogar coas dedas engruñadas¡Ou cortalas!Pero gañámoslle Ao Brañas 3-2. Ao seguinte partido xa estreamos indumentaria nova, a da selección Española.¡Quen diría que trinta e tantos anos despois a selección Española fose campioa de Europa e do Mundo!Fumos a revelación do campionato. Quedamos cuartos a puntos iguais co Brañas, a pesares que tiñamos mellor goal average.¡Unha inxusticia!
Anos despois fíxose un Teleclub no edificio do taller de Lino Rey e pouco mais se fixo pola unidade do barrio. Ultimamente só nos viamos de cando en vez no Tanatorio da Casilla e un día dixo Milos Cotelo Rama:"Hai que darlle unha entidade propia ao noso barrio, temos que acadar fotos, historias, anécdotas, vivencias...temos que facer un libro, unha revista ou algo así" Ela como non se move fainos mover a Xoan de Ramona e mais a min. Nos tampouco nos movemos moito,que digamos, pois usamos as redes sociais. Temos unha páxina no Facebook e un blog que se chaman Xente da Casilla http://xentedacasilla.blogspot.com/. Queremos invitarvos a todos os que esteades relacionados coa Casilla a participar, aportando fotos, historias. E a ver se algún día facemos unha xuntanza real e non virtual.
Benvidos ao Teleclub virtual da Casilla.

1 comentario:

Humor gráfico

Etiquetas

Derrubando Muros

Laboratorio Escénico Coop

Arquivo do blogue