martes, febrero 10

A vaca parrula

Dille un amigo a outro:
- Namoreime de unha rapaza. Ata me casaría con ela, pero son tan pouca cousa!
-Deixame a min! Eu voute a asesorar. Tes que cambiar de peiteado, vestirte mais a moda, correxir a túa linguaxe... De onde é ela?
-E dun lugar da Agualada, alí no medio do verde, dos montes, das leiras...
-E teñen vacas, cabras e ovellas?
-Teñen!!
-Pois xa temos ganado.
A miña historia tamén vai de ganado, só que a vaca non sae ata o final!
Íamos andando pola beira do anllóns, Venancio da Crega  e mais eu, cando estabamos chegando a Bertoa lembreime das miñas primeiras verbenas, aos meus 13, aos meus 14 anos. Íamos as verbenas, que podíamos chegar andando. A primeira era O Corpus de Bertoa, despois o San Xoán, San Cristobo, o Santiago de Sísamo, ás patronais de Bertoa, a Milagrosa na Ponte, Santa Eufemia en Bertoa e para rematar a Pilarica no barrio do Chorís, en Carballo. Pasabámolo moi ben nas atraccións. E dime Venancio :
-A primeira festa era o San Antonio da Agualada. Había que xuntar unhas perras para ir ao tiro, as lanchas... a beber unha Fanta, para acadar un yo-yo, se atopabas o premio na tapa. Eu non tiña un can, e meus pais non me podían dar. Eu xa estaba resignado! cando pasei por diante da casa do señor Negreira, un dos ricos da Agualada (rico e rácano), a carón dun balado había borralla e vin unha punta. Con un pao, remexin e atopei un montón delas. Metinas no peto e díxenme:
-Lévoas ao chatarreiro e xunto unha perras!
E díxome o señor Negreira:
-Para  onde vas Venancio?
-Vou ao chatarreiro a ver que me da por estas puntas!
-Esas puntas son miñas Venancio!
-Atopeinas nesta borralla!
-E que esa borralla tamén é miña!
Quedou coas puntas e funme para a casa todo cabreado. Nela estaba meu pai, hora rara para estar meu pai na casa, pois debería estar a traballar nas minas de Barilongo. Pregunteille.
-E logo, que fai na casa meu pai?
-E que morriu a Parrula, e fóronme a buscar .
A miña nai estaba a chorar. Non había que a consolara. A Parrula era da familia.Dábanos leite, algún que outro cucho,e era a nosa calefacción. Aquela noite tivemos velorio. E excuso dicirvos  que aquel ano non me fixeron falta os cartos para ir ao San Antonio, pois estivemos de loito.

0 comentarios :

Publicar un comentario