HO

Blogue do grupo Xente da Casilla


"Padre Casares" é unha serie de moita calidade


María Tasende Cotelo, carballesa con ascendencia coristanquesa, leva once anos en Madrid. Primeiro, para licenciarse en Empresariais, e despois, en Arte Dramático, que é a súa vocación. A súa vida profesional no mundo artístico comezou fai uns sete anos, e xa leva innumerables papeis no cine, a televisión, o teatro, as curtametraxes e a publicidade. A última película na que participou foi Rafael , de Xavier Bermúdez, e antes estivo en 20 centímetros e Séntate e mira . A última curta na que interveu foi A lenda galega ; en teatro, Cruel Casandra , e en televisión tivo pequenas intervencións en Los hombres de Paco , Los Serrano , Círculo Rojo , Aída ou Maridos e mulleres . Na Galega poderemos vela axiña nun dos capítulos de Padre Casares . Pero non na emisión de esta noite.
-¿Como a veremos nesta serie?
-O meu personaxe será Ana, sobriña de Amelia, a que axuda a Don Horacio. Foi criada nun ambiente moi católico e faise moza do fillo do alcalde, ao que interpreta Morris, que é ateo. De aí, e de outras circunstancias, xurdirán moitos problemas.
-¿Cando a poderemos ver?
-Penso que a emisión chegará en febreiro.
-De momento, só unha vez, pero poderían ser máis ocasións...
-Pois si, de momento, só unha, pero a ver como van indo as cousas.
-¿Que lle parece a serie «Padre Casares»? Na primeira emisión, pasou do 25% de cota de pantalla, todo un logro.
-Si, xa me informei. Pero non me estraña, porque Padre Casares é unha serie de moita calidade, a todos os niveis: de dirección, de actores, de guión... É unha serie moi fresca. Para min foi un pracer traballar con actores como estes, e cun equipo moi bo. A impresión que me deu é que se respira un ambiente moi bo e que se trata dun equipo que traballa dunha maneira moi seria e profesional.
-Dende Madrid, ¿como ve o panorama audiovisual galego?
-A verdade é que se fan bastantes cousas dende o punto de vista audiovisual en Galicia, tanto películas como series de televisión. Eu tiven oportunidade de velo ultimamente, porque dende o mes de xuño levo feitas máis cousas en Galicia que en Madrid.
-¿Mantén os vínculos coa súa terra?
-Totalmente. Vin a Madrid a estudar e logo a traballar, pero vou moito a Carballo, moitas máis veces que os que só van en vacacións ou datas sinaladas. Manteño a relación coa familia e cos amigos. Ao mellor por iso me din tanto en Madrid que non se me quita o meu acento galego. Eu estou moi orgullosa del.
 
Fonte: La Voz de Galicia (Carballo)

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Humor gráfico

Etiquetas

Derrubando Muros

Laboratorio Escénico Coop

Arquivo do blogue