HO

Blogue do grupo Xente da Casilla


Entrevista á actriz galega María Tasende

ENTREVISTA
María Tasende / Actriz galega
“Cando traballas como actor estás espido emocionalmente, así que os vínculos que se xeran son moi cercanos e profundos”
 

   A actriz galega, María Tasende, posando ante a cámara co seu dulce sorriso. Foto: M.Tasende
 
María é natural de Montecelo, aldea que pertence a Coristanco aínda que practicamente está no límite con Carballo. Os seus recordos da infancia defíneos como ”de película”. Na súa casa eran vinte netos. Alí pasaban os veráns facendo trastadas pola aldea adiante, recollendo moras, inventando guións para películas, en bicicletas de aquí para acolá... A día de hoxe, é unha recoñecida actriz que participa en series de televisión, así como no mundo do cine e en obras teatrais. Unha ampla traxectoria que desexa complementar con algún proxecto propio, que polo que nos di, parece que está a medio camiño.

Que destacarías dos concellos nos que te criaches?

De Carballo, sen dúbida o incrible movemento cultural. Temos unha programación súper completa e interesante ó longo de todo o ano. Creo que é algo do que os carballeses debemos estar moi orgullosos. Que Carballo, fóra de Carballo, sexa coñecido por isto é unha marabilla. O FIOT (Festival Internacional Outono de Teatro) por exemplo é un privilexio absoluto para todos os habitantes da vila.

De Coristanco, destacaría que ten rincóns ben fermosos. A mágoa é que, baixo o meu punto de vista, están bastante descuidados medioambientalmente. Hai bastante caos no concello con tanto cambio na alcaldía. A ver se cambia a cousa.

Cal é o teu lugar de residencia actual?

Actualmente a base téñoa en Galicia, concretar exactamente onde é un pouco difícil porque son bastante correcaminos, ando entre Montecelo, Carballo, Santiago... E vou con bastante frecuencia a Madrid, cidade que tamén considero “casa” xa que, se voto contas, vivín alí a metade da miña vida. Pero será que me vou facendo vella que cada vez máis o corpo pídeme natureza, verde e mar. Pero todo depende do traballo, se saen cousas en Madrid para alí que marcho encantada. E se saíran na India, ou onde fora, tamén.

No 2020, en que proxectos estás participando?

Pois este ano vanse estrear dúas series nas que participei, Antidisturbios de Rodrigo Sorogoyen, que se empezará a emitir a mediados de Outubro, y El desorden que dejas, que aínda non ten data de estrea. E en Xaneiro arrancamos cos ensaios dunha obra de teatro, aquí en Galicia. Teño moitas ganas de volver facer teatro, xa que nos últimos anos a miña carreira centrouse no audiovisual. Ademais seremos once actrices en escena e con tanta muller enriba dun escenario vaise xerar unha enerxía incríble, sen dúbida. Todas elas son compañeiras marabillosas ás que admiro profundamente. Oxalá poidamos traer a peza a Carballo.

Veuse abaixo algún proxecto por tema do coronavirus?

Máis que virse abaixo, no meu caso, paralizáronse procesos de casting nos que estaba metida. A ver se pouco a pouco se volven poñer en marcha.

Cales son os teus mellores plans para disfrutar do verán?

Para min un bo verán sempre arranca cunha boa noite de San Xoán, –este ano foi algo extraño polo tema do covid–. Despois tento facer unha mistura de plans entre Rías Altas e Rías Baixas porque adoro ambas e son moi distintas. Galicia no verán é marabillosa e non se precisa de moito máis. Aínda que se mo podo permitir económicamente, gústame pegarme unha viaxe a algún país de augas quentiñas para bucear. Amigos, familia, chiringuitos, praias, algunha ruta pola natureza e pouco máis.

Que destacarías deste verán atípico no teu día a día?

Este verán creo que quedará na miña memoria como un verán surrealista. Xente con mascarillas nas praias e nas rúas, sen mascarillas nos bares, avións e trens cheos pero teatros e concertos medio vacíos ou cancelados, e esa sensación de fondo de incerteza. A preocupación porque o covid poidera pillar aos meus pais e a un dos meus sobriños que é de risco... Este verán sen dúbida quedou ensombrecido polo tema do puñetero covid.

A xente soe pararte pola rúa para sacarche fotos ou falar contigo?

Iso pasa sobretodo cando se está emitindo unha serie na que saes. Como agora non teño ningunha en emisión xa non me pasa tanto. Pero debo dicir que non é algo que vote en falta. Sempre me dou bastante reparo.

Que serie galega cres que marcou a túa carreira como actriz?

Matalobos sen dúbida. Foi unha serie que en Galicia fui un bombazo. Todo o mundo a vía. Aínda hai xente que ás veces me para por iso. E xa choveu!

Recordas cal foi a túa primeira participación nunha serie de televisión?

Non lembro exactamente se foi “Aída” ou “Los Serrano” ou “Los hombres de Paco”. Sería polo 2.006. Eran participacións moi pequenas. Lembro ilusión e nervios. Pero bueno, coma sempre que empezo un novo proxecto, só que agora xa son máis “perra vieja”e xa sei lidiar mellor coas cousas das rodaxes. Pero os nervios dos primeros días non hai quen os quite.

Algunha anécdota que poidas contar vivida durante unha grabación?

Moitas! Divertidas mil, son moi frecuentes os ataques de risa por calquera erro, eses momentos son impagables! Despois lembro unha que foi algo incómoda. Tiñan que facerme unha maquillaxe complexa, dunha muller que levaba morta anos no fondo dun río e tiñamos que rodar nunha piscina, con cámaras submarinas etc, e o proceso de maquillaxe durou 5 horas. Supuestamente era maquillaxe resistente á auga pero cando me metín na piscina todo se esfumou despois de cinco horas tesa para que me maquillaran o corpo enteiro. Por un lado quería matar á maquilladora pero por outro dábame moita mágoa por ela. Obviamente non dixen nada, pero foi un momento bastante incómodo para todos.

Televisión, cine, teatro e formación artística. Eres unha persoa polifacética se pode decir, non?

Creo que podería selo moito máis a verdade, jajajaja, se me deixaran. Como dicía nos últimos anos traballei máis ben en tele. De repente métente nun saco e saír dese saco non é tan doado. Pero eu quero estar tamén no saco do teatro e do cine, así que tentarei centrar os meus esforzos en meter a cabeza por aquí e por alá. O que pasa e que despois acabas facendo o que che ofrecen, claro. Non está a cousa para andar descartando.

O bo deste mundillo é que se coñece a moita xente. Tes moitos amig@s de todas as series e curtametraxes nas que participaches?

Pois claro! Iso é o mellor desta profesión. Coñeces a personas marabillosas, moi curiosas e auténticas. Eu creo que a maior parte das actrices e actores son persoas extraordinarias. Hai de todo como en todas partes pero a gran maioría son xente moi interesante que che aporta e fai medrar. Porque polo xeral son personas moi valentes, sensibles e empáticas. Necesariamente teñen que selo para poder facer o seu traballo. Eu, de tódolos traballos que fixen, saquei algunha amiga ou amigo dos de verdade, dos que quedan para sempre e iso é un privilexio. Cando traballas como actor estás espido emocionalmente, así que os vínculos que se xeran son moi cercanos e profundos. Eu creo que ó redor dun 60 ou 70 por cento dos meus mellores amigos son actrices e actores ou persoas relacionadas coa profesión. Así que iso de que somos antipáticos ou estúpidos creo que non se corresponde coa realidade, normalmente. Que somos seres quizais complexos? Pois sí, seguramente, pero tan complexos como auténticos. Ala, unhas poucas flores para todos nós que boa falta nos fan!

Se tiveras que elixir, con cal das ramas anteriores te quedarías?

Non creo que sexa xusto ter que elixir, é poñerlle límites á creatividades do actor. Eu non quero elixir, quero crer que haberá temporadas nas que farei máis cine, outras máis teatro e outras máis tele. Un artista plástico, por exemplo, pode facer de todo un pouco, non? Pois un actor tamén.

Que é o máis complicado de ser actriz?

A incertidumbre continua e o examen continuo. Iso esgota, desgasta moito. É como se toda vida tiveras que estar nun proceso de selección continuo. Imaxínate que para un traballo normal, cada tres ou cinco meses tiveras que volver enviar currículums, facer entrevistas, pasar un proceso de selección, por fin consegues un traballo, pasan uns meses e cando rematas, volver a empezar. E así continuamente, toda a vida. É agotador, eu non sei como somos capaces de aturalo. Deberían poñernos algún monumento nalgún sitio en homenaxe a tódolos actores só por isto. Jajajaja. Falo en serio!

Tes algún obxectivo/propósito para os próximos anos?

Gustaríame sacar adiante algún dos proxectos propios que teño a medio desarrollar. Hai unha curta, un docu e unha longametraxe. Pero as cousas de palacio van despacio. E no meu caso máis despacio aínda! Son de cociña lenta e meticulosa, demasiado. Gustaríame cambiar nisto e volverme algo máis práctica. Niso estou. Tampoco me importaría que os meus plans se rompesen por calquera outra cousa marabillosa que xurdira, que me sacuda o chan e vote os meus plans por fóra para dar entrada a outros. Que a vida me sorprenda, ou máis ben, deixarme sorprender pola vida, ese é o meu principal obxectivo para os próximos anos.

Fonte: O Correo de Bergantiños

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Humor gráfico

Etiquetas

Derrubando Muros

Laboratorio Escénico Coop

Arquivo do blogue