Eu non nacín con 54 anos. Eu fun
neno, e como todolos nenos, tiven un heroe. Non era Superman, nin
Spiderman, nin o Capitán América. O meu heroe real, e mais do meu curmán
Xoán, era e é o Tío Pepe. Erámola envexa dos nosos coetáneos do barrio
da Casilla. El é o noso espello. El xogaba con nós. Facíanos as casas do
poboado do Oeste e as tendas dos indios, para que nós xogáramos cos
nosos vaqueros e indios. El dicíanos que os indios tamén podían ser chicos
da película. Ensinounos a xogar ao xadrez, a facer as pezas, talladas
en madeira, cunha navalla, cantaba e tocaba a guitarra e nós
facíamoslle os coros, e sempre que ía de viaxe traíanos un agasallo.
Fíxonos partícipes dás súas intencións de aventuras. Díxonos que ía a
correr o Tour de Francia coa bicicleta da tía Celsa, intentamos facer un
submarino para navegar polo río Anllóns e ata dixo que ía a facer unha
nave espacial para irmos ao sol, ao que meu curmán Xoán lle dixo:" Pero
vámosnos a queimar moito antes de chegar a el!" Ao que o tío contestou
:" Non vamos a ir de día!" Houbemos de escachar coa risa os tres.
O tío Pepe é un inventor de utopías, imposibles e sobre todo é inventor de soños.
Eu
vou moitas veces á praia de Louro, buscando días de praia, e sempre llo
comento a el, e dime:"Non hai praia como a de Razo!!", eu tamén son
desa opinión, pero o nordés é mais levadeiro con 6 ou 7 graos mais.
Despois
desta invernía que tivemos, fun buscando o sol de xuño como auga de
maio, a Louro. Alí atopei ao meu tío no pinar e díxome como reproche:"
Onde está o sol tan famoso de Louro?" " Dalle tempo" E efectivamente,
saíu o sol as 2 da tarde. E que tarde!! Volvino a atopar no mesmo sitio,
a sombra, e pregunteille, todo extrañado:" Pero ti non querías sol?" " E
que eu quero o sol para estar a sombra!!" Nese intre lembreime da nosa
viaxe ao sol e díxenlle:"Si! Xa sei. Ti ainda queres ir ao sol pola
sombra!!
Así é meu tío! Gústanlle as sombras pero ten moitas luces.
Ningún comentario:
Publicar un comentario