Na Lagoa de Vimianzo, nunha cea baile, despois de cear. Así que tomamos a sobremesa, veu o camareiro pola mesa e dixo:
-Que tal a sobremesa?
E José da Casanova díxolle:
-Sabes a que me soubo?
-A qué?
-A pouco.
O camareiro con vergoña ou sen ela, co consentimento do resto dos comensais, trouxolle outra sobremesa. Despois do café e duns chupitos empezou a actuar un Trío e díxome José ao oído: ser será un trío, pero eu só vexo unha!!
Chamámoslle José da Casanova por que viñeron dende Curtis pa aquela casa nova que acababan de facer, preto da nosa corredoira. Na corredoira eramos 4 rapaces mais menos da mesma idade e moitas veces xogabamos aos 4 de Bonanza. Cando viñeron os 3 de Curtis xa podíamos xogar aos 7 Magníficos.
Naqueles tempos poucas casas tiñan auga da traída. A Casanova tiña auga traída por José e os seu irmáns a caldeiros do pozo de Esperanza. Esperanza era mala como o demo. Preguntaredevos como sendo tan mala lle deixaba coller a auga do seu pozo? Pois porque daquela era como unha obriga compartir a auga.
O señor Constantino era o home da mala e un día doulle a José un peso e unhas mazáns por axudarlle a recollelas da maceira (José era moi áxil) cando ía para a casa José atopouse con Esperanza e ensinoulle o que Constantino lle dera. A mala quitoulle o peso e doulle unha mazá pequeneira.
Esta anécdota contouma José cando íamos xuntos para o instituto. Contábame anécdotas e moitos contos. Aprendín moito con el. E el aos 14 anos empezou a traballar de electricista con Pepe dos Contos e aí xa se perfeccionou na arte de contacontos.
As nosas vidas transcorreron normais coma moitas; matrimonio, fillos e neta(eu aínda non teño).
José perdeu a vista e tivo que deixar de traballar. El sabía levar calquera conversa. Tiña moitos amigos. Entendía de todo: el dicía "entendo de todo e non sei de nada".
Deixounos despois dunha longa enfermidade, pero chegou moi enteiro ao seu fin. Funlle dar o pésame a súa dona e díxenlle:
-Se todos fósemos a metade de boa persoa que era el non habería problemas neste mundo.
-Si era moi bo, non quixo saber de psicólogos. Díxome un que o foi visitar "vaia lección de vida me acaba de dar"
Descansa en Paz José.
Loxicamente José non había querer que eu acabase este obituario sen un conto. Aí vai!!
Chegou José da Casanova ao ceo e díxolle Deus:
-Que tal por aló abaixo José?
-Sabes a que me soubo?
-A que?
-A pouco
Loxicamente Deus ben o podía mandar outra vez para a terra, pero xa sabía de memoria os contos de Pepe dos Contos e quería un repertorio novo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario